Texto gañador do III Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Xoán-Carlos-Domínguez-Alberte copia

Matar o recadeiro Pseudónimo: Donicela

Sería fermoso poder dicir que apareceron como unha bandada de paxaros amarelos. Pero non hai imaxe que os acolla con facilidade. Tampouco teñen un nome claro: algúns chámanlles riders, aínda que sempre lembro con ironía que a primeira que atopei na miña cidade non cabalgaba moto nin bicicleta nin cabalo. Subía pesadamente unha costa empinada cunha enorme mochila ás costas. Nela, estampado, o nome dun servizo de delivery, outro estranxeirismo que evidencia como a aparición desta nova forma de traballo colleunos, aparentemente, co pé cambiado, que nin nomes propios temos. Seguramente un acaido sexa recadeiros. No fondo, o que fan estes novos servizos é iso mesmo, facer recados que non teñen que limitarse, nin polo contido nin polo medio, a levar comida.

Os recadeiros están para calquera cousa, prestan un servizo que hai anos pensaríamos que é prohibitivo pero que agora mesmo parece ao alcance de calquera. Teño visto con moita sorpresa como, mesmo nunha pequena cidade galega, é cada vez máis frecuente cruzarse con eles e os seus logotipos. Ter unha hamburguesa do teu restaurante favorito, cervexa fría se chegan visitas, xeo para un combinado… é tan doado como chamar ou empregar a app e unha desas persoas con grandes mochilas aparecerá na nosa porta. E poderíamos pensar, como se repite moitas veces, que é a tecnoloxía a que permite isto, que antes de estar interconectados e ter aplicacións no móbil para todo isto non sería posíbel. Teño visto algún destes recadeiros sentado na rúa, tomando algo de comida rápida mentres mira ansiosamente o teléfono por se entra unha nova encomenda. Ser recadeiro implica tamén estar atento á demanda, sexa a hora que sexa e aínda que a túa propia hamburguesa quede a medio comer.

Hai anos unha amiga economista falábame dos indicios indirectos da situación económica. Seica en épocas de bonanza a xente é máis indulxente á hora de mercar doces e a moral admite prendas máis curtas que durante as crises. Os vellos economistas crían poder percibir a marcha das cousas cunha simple ollada superficial aos carros da compra ou ás saias das rapazas. Pregúntome que papel ten a irrupción dos recadeiros nas nosas vidas, que indicio económico espertan, e se son, como moita xente di, unha bandada de paxaros, un signo de bonanza económica.

A comezos da primavera deste ano, un deses riders (este si que levaba moto) morreu nun accidente de tráfico na cidade de Barcelona. Este feito trouxo á primeira plana varias cousas que sospeitabamos. Os recadeiros non son empregados de ningunha empresa, nin sequera a dese logotipo enorme que cargan ás costas, e que, en certo sentido, tamén os despersonaliza. A maior parte traballan baixo a figura de falso autónomo e a súa relación laboral coas plataformas de delivery segue a discutirse nos tribunais, con sentencias contraditorias. De ser recoñecida, aínda habería que repasar en que condicións desenvolven o seu traballo e se vulnera, por razón de salario ou horario, outros aspectos da lexislación laboral.

Pero non podemos enganarnos, non é a tecnoloxía e o mundo interconectado o que produce esa bandada polas rúas das nosas cidades. O que sostén o negocio dos recadeiros é a falta de regulación e a tolerancia a formas de negocio que hai anos entenderíamos que rozan o escravismo. Que algo sexa posíbel non quere dicir que sexa xusto, como non é xusto que a comodidade duns poucos e as miraxes de bonanza dos outros se baseen en matar o recadeiro.

Mario Regueira (Mario Ibán Regueira Fernández) DI 32685347 R 600896398 marioregueira@gmail.com
Mario Regueira (Ferrol, 1979). Comeza a súa carreira literaria como narrador co libro de relatos Rebelión no inverno (2004) ao que seguen as novelas L’affiche rouge (2007) e Outono aquí (2012), esta última premio Lueiro Rey de novela curta e traducida ao castelán como Las hojas muertas (2013). Como poeta ten publicado Tanxerina (2006, premio Xosemaría Pérez Parallé), Blues da Crecente (2009, premio Xohán Carballeira) e O silencio (2012). A finais de 2019 sairá Marco Livorno, premiado no XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Tamén é da súa autoría o ensaio Lois Pereiro, unha persecución (2011). Licenciado en Filoloxía Galega e diplomado en Dereito, en 2016 defende a súa tese de doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada sobre a narrativa galega durante a posguerra. Crítico literario en distintos medios, leva a sección semanal do Sermos Galiza desde o seu primeiro número e preside, desde 2018, a Asociación Galega da Crítica. Participa tamén do podcast cultural Burán, que se emite en Radio Campus Culturae e Cuac FM.