Biografía

1916 – 1931

O 9 de abril de 1916 nace Manuel Lueiro Rey en Fornelos de Montes, fillo de Albino Lueiro Soto, mestre de profesión, e de Adelaida Rey Couto. Nas terras pontevedresas transcorrerá a súa primeira infancia xunto cos seus dez irmáns. 1923 Trasládase ao Grove por mor da obtención dun novo destino de seu pai coa maior parte da familia. Alí formarase e botará raíces. 1928 Traballará unha tempada como axudante nunha forxa do Grove. 1929-31 Traballará de contable na fábrica de conservas “Piñeiro” da localidade grovense, de onde o despedirán por solidarizarse cunhas traballadoras que non recibían a remuneración económica que lles correspondía. Ao tempo practica o fútbol nos equipos “Anduriña” e “Vilagarcía F.C.”.


Lueiro de neno

As súas irmáns Enma e Lucía

Albino Lueiro pai do escritor

1931 – 1941

1931 Milita, probablemente, nas Xuventudes Comunistas Unificadas. 1934 Comeza unha serie de colaboracións xornalísticas en el País pontevedrés, que dirixía Roberto Blanco Torres. 1936 Participa na campaña política das eleccións de febreiro, tanto en Fornelos como no Grove. En xuño participa tamén activamente na campaña pro-estatuto de autonomía. Do mes de xullo até finais de agosto agóchase ate maio de 1937 ao abeiro de súas irmáns Enma, Lucía e Pura. Logo desprázase ate Portovilán, parroquia do mesmo concello, e ocultarase na casa dunha veciña. Máis adiante, premido por un irmán requeté que era oficial maior no concello da Estrada, alistarase no exército sublevado. 1937-39 Obtén destino no Corpo de Sanidade e exercerá diversas funcións militares en Pontevedra, A Coruña, Teruel, Quart de Poblet (Valencia) e mais Asturias. Aquí contraerá o tifo e hospitalizarano ao longo dalgúns meses en Luarca (Asturias). Sabe da fin da guerra recluído nun calabozo por un incidente cun superior militar. 1939-41 Retorna a Fornelos.1941 Desprázase a Madrid para opositar e gañar praza como auxiliar do corpo técnico do Ministerio da Facenda. Segundo un testemuño persoal toma contacto con xente do Partido Comunista na clandestinidade.


Clube de futbol Anduriña

Cuns amigos de xuventude

Lueiro de mozo

1942 – 1948

1943 Vive en Pontevedra e aproba outra oposición a Técnico de Facenda. Casa con Maruxa Lores, con quen compartirá a educación de cinco fillos: Manuel (1945), Francisco (1948), Adela (1952), Víctor (1958), e mais Eugenio (1962), e trasládase a vivir ao Grove. 1944 Comeza a colaborar na prensa, nomeadamente no Ciudad, Semanario de Pontevedra ou Litoral, cabeceiras ás que se lle unirían, nesta época e posteriormente, outras como Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra, La Noche, El Correo Gallego, Galicia (Bos Aires), Hoja del lunes (Vigo) ou A Nosa Terra, entre outras, ás veces baixo o pseudónimo de “Gudea”. 1948 Sofre un intento de detención, pola sospeita de actividades políticas clandestinas, na sede da Delegación de Facenda pontevedresa, do que sae indemne. Colabora nunha publicación que lembra a reposición dunha peza teatral que se celebrara en 1931 no Grove baixo o título de O señor Feudal ou, ¿quen matou o Meco?


En Madrid nas oposicións a Facenda

Coa súa dona e o primeiro fillo

950 – 1959

1950 Publica o seu primeiro libro baixo o pseudónimo de “Gudea” : Nacencia. Cuentos y poemas. 1952 Consegue o Premio Casa de Galicia de Bos Aires por ”Sinfonía de luz galaica”. 1955 Probablemente a partir deste ano comeza a enviar colaboracións a Radio España Independiente, mais coñecida como “La Pirenaica”. 1958 Primeiro premio de poesía na II Festa de Primavera de Ourense por “Cinco sonetos del hombre en el camino y un poema final”. Premio Nacional de Periodismo por “Vicencia y gozo de mis ríos gallegos”. 1959 Publica o poemario Juncia de amor y vida e recibe o premio periodístico do Centro Ourensán de Bos Aires polo texto “Curros Enríquez, poeta monumental de Galicia”.


En Madrid nas oposicións a Facenda

Tertulia no café Carabela de Pontevedra

960 – 1969

1960 Dá a coñecer os seus Sonetos a la ciudad de Vigo que foran premio de poesía “Ciudad de Vigo” nese ano, e recibe o premio Pérez Lugín da Asociación da Prensa da Coruña por “La colmena y sus celdillas” . Tamén foi finalista do V Premio de Contos “Leopoldo Alas” de Barcelona. 1963 Consegue o segundo premio nos Xogos Florais de Ourense con sonetos “Orense en un pregón y varias estancias”. Colabora na revista Ínsula cun texto sobre Rafael Alberti e sofre un interrogatorio policial. 1966 En xuño, cun grupo de amigos, subscribe un artigo titulado “Brecht, o el profundo y humano concepto de la bondad”, no seo dunhas páxinas dedicadas a Bertold Brecht que viron a luz no Diario de Pontevedra, con serias consecuencias políticas. Participa na homenaxe semiclandestina que se lle rende en Compostela ao poeta Antonio Machado dando a coñecer nunha publicación ad hoc o seu primeiro título en lingua galega: “Agonía da lembranza”. Acada o Premio Ciudad de Oviedo con Manso. 1967 Publica, mutilada pola censura, a novela Manso. Asiste, na Casa de Galicia de París, aos actos de homenaxe a Curros nos que ditaba unha conferencia Xesús Alonso Montero. Retoma os contactos políticos coas células do partido na clandestinidade. 1968 A editorial Oberón, na Arxentina publica a edición orixinal de Manso. O mesmo selo editorial dará a luz a súa obra Vicente y el otro. En novembro realiza a súa primeira viaxe á Arxentina, convidado pola Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires. Para el “ir a América foi como atoparme cunha nova vida”; alí contactará con Luís Seoane, Lorenzo Varela, Dieste ou Arturo Cuadrado, cos que o unirá unha amizade fraternal. 1969 Colabora en Poemas al Che (A Habana). Xunto con membros da “Unión de Hijos de El Grove” de Bos Aires, airea o chamado affaire “Grovelan”.


Na casa de Galicia en París, con Ramón Garrido, Alonso Montero
e Manuel Colmeiro

Nunha conferencia en Bos Aires, con Arturo Cuadrado

1970 – 1980

1970 Publica “Carta escribo que non ten resposta” en Castelao na voz dos poetas e “Elexía a Che Guevara” en Homenaje al Che ( A Habana). 1971 Publica La noche espera el alba (Buenos Aires), libro que secuestrarán no intento da súa distribución en España e que lle valeu outro interrogatorio policial en Pontevedra. Tamén sae do prelo Un tempo de sol a sol (poemas do neno galego) (Bos Aires). 1972 Realiza a súa segunda viaxe á Arxentina. 1973 Sofre unha detención na súa casa, derivada dunhas declaracións e duns escritos que viron a luz na viaxe americana anterior, e a súa casa foi sometida aun rexistro domiciliario. 1974 Publica Non debían medrar (Sada). 1975 Publica “Loitando, sempre loitando” e Chile no corazón (Barcelona). 1977 Colabora en Homenaxe a Alberti (Barcelona) e dá a coñecer Escolma ferida (Sada). 1978 Fai outra visita a Bos Aires acompañado de diversos familiares seus. Presentación de “Escolma ferida” na galería Sargadelos en Madrid. 1979 Resulta elixido como concelleiro na vila do Grove e desempeñará labores de presidente da comisión de cultura dese concello durante catro anos. 1980 Homenaxe a L. Seoane no Grove.


Homenaxe a L. Seoane no Grove, con Alberti e Santiago Álvarez
Presentación de “Escolma ferida” na Galería Sargadelos de Madrid, con Indio Juan, Aurora de Albornoz e Lorenzo Varela

 

1982 -1998

1982 Publica O sol na crista do galo (Sada) con limiar de Basilio Losada . 1983 Colabora no Caderno que o Ateneo ferrolán lle dedica a Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Seoane. 1985 Dá a coñecer Crónicas de una transición intransigente (Sada) e, nunha viaxe persoal, fai a súa derradeira visita a terras americanas. 1986 Participa no Congreso Castelao e tamén moi activamente na campaña contra a entrada de España na OTAN. 1987 Un río que camina (Madrid), adaptación da súa novela curta Non debían medrar. 1988 Premio Miguel de Unamuno no Certame Internacional de Valladolid polo seu relato “Hundezelle”, e dá a coñecer Nova escolma ferida (Sada). 1990 Falece o 11 de outubro no Grove.

Postumamente publícase Vigo en tres paisajes, primeiro volume dunha longa serie de títulos que dende o seu falecemento van vendo a luz. 1991 A revista Dorna publica artigos de Modesto Hermida, Xesús Alonso Montero e Herminio Barreiro que recordarán a súa obra literaria e glosan a súa figura. Tamén ese ano o Liceo Rubia Barcia inaugura unha exposición iconográfica na súa memoria, que ampliará no ano 1993. 1992 Publícanse os poemarios Camino de sueños (Bos Aires) e Memoria de la raíz de las cosas (Sada). Convócase a primeira edición do premio literario que leva o seu nome e que se converte nun referente anual para a narrativa galega, organizado polo Concello do Grove. 1996 Con tradución da súa nora, María Xesús Vidal Alves, aparece Manso en lingua galega. 1997 Ve a luz en Málaga o seu poemario Mientras crece la hierba. 1998 Publicánse relatos inéditos baixo o título de Hundezelle y otras vidas maltratadas (Santiago).

Presentación no Grove de “O sol na crista do galo” con Pilar García Negro e X.L. Méndez Ferrín.
Presentación de “Un Río que camina”, con Indio Juan, Benedetti e Marcial Suárez

2001 – 2012

2001 Dáse a coñecer Homenaxe a Luís Seoane (Sada), que recolle as intervencións do tributo rendido no Grove ao intelectual e pintor galego, amigo de Lueiro. 2003 Publícase Derradeira escolma ferida (de onte, de hoxe e de mañán), (Vigo) e aparece unha reedición, anotada, de’O sol na crista do galo (2003). 2005 Publicase a compilación de artigos de tema arousá O Grove: canción do sal e do vento (Vigo). 2012 O Concello de Fornelos de Montes e a Asociación de Veciños o Cruceiro da Laxe, convocan a primeira edición dun premio de poesía adicado á súa memoria.

 

A presente biografía é un traballo de Ramón Nicolás publicado no seu libro “A liberdade ferida” editado por Xerais.